jueves, 8 de marzo de 2018

Declaración del COPG por el 8 de Marzo

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER


Neste 8 de marzo, Día da Muller, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reivindicamos que se siga avanzando no camiño da igualdade e celebramos que en 2018, esta cuestión se atopa nun momento histórico de forza e vigor no seu discurso, cunha incidencia social e política maior para mellorar a vida de mulleres e homes, de nenas e nenos.
É un 8 de marzo histórico, que chega precedido dun ano no que se visibilizou máis que nunca a diferenza que afecta a mulleres e homes. Unha desigualdade estrutural entre homes e mulleres sostida no tempo e normalizada. Moitas mulleres cunha actitude valente denunciaron o acoso sexual, os teitos de cristal, os salarios máis baixos, a diferente repartición das coidados… Mulleres que conseguiron xerar unha corrente global que non fixo máis que crecer e destapar desigualdades e as inxustizas que se derivan.
É certo que nunca se alcanzaron tales cotas de igualdade, pero tamén é verdade que nunca fora tan visible a desigualdade entre homes e mulleres. Caeron vendas e destapáronse privilexios.
Miles de mulleres seguen sufrindo unha violencia normalizada, que se minimiza e mesmo se xustifica; existe unha brecha salarial directa; as tarefas domésticas e de coidados seguen recaendo maioritariamente nelas; as nais son as que reducen a súa xornada laboral con diferenza respecto dos pais; as mulleres son violadas, acosadas, increpadas pola rúa. Sofren micro e  macromachismos.
A discriminación que sufriu historicamente a muller entrou no debate e iso permite que, cada día, máis profesionais introducisen a perspectiva de xénero na súa práctica profesional. O feito de ignorar as consecuencias da desigualdade entre homes e mulleres é obviar unha parte fundamental do contexto social das persoas e das súas consecuencias. Por iso, como psicólogos e psicólogas debemos continuar formándonos no ámbito do xénero e incorporar a perspectiva de xénero á nosa práctica profesional.  
A situación de desigualdade da muller é unha das maiores inxustizas na nosa sociedade porque afecta directamente á metade da poboación e, neste sentido, é imprescindible que poñamos en marcha recursos e políticas que favorezan un equilibrio entre mulleres e homes. E quen pense que "isto agora non toca" equivócase diametralmente, porque a presión que está a exercer a sociedade demostra que este é o momento de propiciar políticas que erradiquen os privilexios que sustentan esta sociedade patriarcal e educar ás futuras xeracións nunha igualdade real. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario