Declaración Institucional do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia con motivo do Día Internacional da Muller
Neste 8 de marzo, Día Internacional da Muller, desde Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia facemos unha chamada a continuar avanzando no camiño da igualdade real, un dos obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. A pesar dos innumerables progresos conseguidos nas últimas décadas, a desigualdade entre mulleres e homes aínda persiste en practicamente todos os ámbitos da vida.
A pandemia, como calquera contexto de crise, evidenciou e agudizou tales desigualdades. Isto maniféstase nas súas expresións máis extremas, como a violencia que sofren as mulleres e os seus fillos e fillas; ata nas máis invisibles, como o inequitativo reparto dos coidados ou o teito de cristal que limita o acceso a postos con maior poder.
Un 94% das persoas que traballan a tempo parcial, neste país, para o coidado de nenos ou nenas e de persoas dependentes, son mulleres. O mesmo pasa con aquelas que deixan o seu traballo para atender as cargas familiares, a proporción está totalmente distorsionada cunha presenza masculina ínfima. E un 84% das mulleres realiza tarefas domésticas a diario, o dobre que os homes (42%). Isto quere dicir que as mulleres continúan arrastrando unha sobrecarga diaria compatibilizando a súa xornada laboral, a reprodutiva e a das tarefas domésticas.
Cando pensamos en mulleres nas que inciden outros factores como a discapacidade, as traballadoras do fogar, aquelas que se atopan na economía mergullada, as migrantes, desempregadas, en situación de prostitución, vítimas de violencias…; podemos comprobar o lonxe que estamos aínda da igualdade real.
A Unión Europea lanzou a advertencia de que farán falta tres xeracións máis para alcanzar a igualdade de xénero. É un tempo demasiado extenso que ocasiona unha vulneración dos dereitos humanos das nenas e mulleres, que as está privando de oportunidades á vez que as expón a sufrir violencia psicolóxica, física, sexual, simbólica ou económica polo simple feito de ser mulleres.
Entre as metas que marca a Axenda 2030 nesta materia, indica a necesidade de poñer fin á discriminación que sofren mulleres e nenas en todo o mundo; eliminar todas as formas de violencia de xénero; terminar co matrimonio infantil e a mutilación xenital feminina; recoñecer e valorar o traballo de coidados domésticos; asegurar a participación plena das mulleres e a igualdade de oportunidades de liderado; e asegurar o acceso universal á saúde sexual e os dereitos reprodutivos.
Son metas nas que o factor psicolóxico é importantísimo, polo que o acceso a unha atención psicolóxica profesional nos distintos contextos (sanitario, educativo, social…), especialmente para as persoas máis vulnerables, é determinante para a consecución de tales dereitos. Unha sociedade na que a accesibilidade aos coidados de saúde mental estea garantida é unha sociedade máis xusta e igualitaria e na que, sen dúbida, todas e todos desexamos vivir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario