Declaración Institucional do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia con Motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller
Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia expresamos a nosa absoluta solidariedade e o apoio coas familias e seres queridos das corenta e catro mulleres e tres menores asasinadas a consecuencia da violencia de xénero, así como cos trinta e cinco nenos, nenas e adolescentes que se quedaron orfos e orfas a razón destes crimes.
Con motivo da conmemoración este 25 de novembro do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, reiteramos o noso absoluto rexeitamento a calquera forma de violencia psicolóxica, física ou sexual, exercida contra a muller. Para loitar contra a violencia de xénero é crucial a implicación de toda a sociedade e, neste sentido, o Pacto de Estado que iniciou o seu percorrido este ano é unha ferramenta transcendental que nos define ante un dos principais retos na nosa civilización.
Unha cuestión de estado como é a violencia exercida contra as mulleres e que repercute tamén sobre os seus fillos e fillas, require un pacto de Estado, porque é un gravísimo atentado aos dereitos humanos. Pero non pode quedar nunha declaración de intencións ou nunhas accións simbólicas. Necesitamos transformar a sociedade e iso require de compromiso e tamén de coordinación.
Un compromiso, en primeiro lugar, por parte de todos os responsables políticos que manteñan unha actitude inflexible e contraria ás distintas formas de violencia de xénero e que deixen esta cuestión fóra das estratexias do xogo político. É urxente a posta en marcha das máis de duascentas medidas recollidas no Pacto, porque a transformación social necesita tempo e moitas destas medidas tardarán en asentarse e fornecer efecto.
A prevención e a sensibilización, por exemplo, nas que como profesionais da psicoloxía temos tanto que achegar, son un traballo de fondo con resultados que se ven a medio e longo prazo. Destruír os cimentos dunha sociedade machista e patriarcal herdada de séculos atrás é un labor minucioso que necesitamos ir abordando canto antes desde as xeracións máis temperás. Non poderemos presentarnos como unha sociedade plenamente desenvolvida mentres mulleres e tamén nenos e nenas, son asasinados como consecuencia da desigualdade de xénero.
A coordinación entre as institucións e a formación en perspectiva de xénero dos traballadores e traballadoras das Administracións Públicas é o outro alicerce elemental que recolle este Pacto e que garantirá que as medidas teñan un efecto profundo no relativo á modificación estrutural que necesita a sociedade. A partir de aí, poderanse establecer as modificacións legais que se necesiten, os marcos legais máis ambiciosos posibles e ofrecer unha atención integral ás vítimas da violencia de xénero.
Como profesionais da psicoloxía demandamos este compromiso de implicación e de coordinación, que aborde a violencia de xénero de forma integral, con políticas preventivas e de intervención psicolóxica desde as máis temperás idades, para poder erradicar as desigualdades sobre as que se asenta a violencia machista.
25 de novembro de 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario